07 abril, 2012

TEMA 10: A SEGUNDA GUERRA MUNDIAL

Tema 10: A Segunda Guerra Mundial




segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou á maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente a máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países. Nun estado de "guerra total", os principais participantes adicaron a súa capacidade económica, industrial e científica ó completo ó esforzo de guerra, eliminando as distincións entre recursos militares e civís. Marcada polas mortes masivas de civís, incluíndo o Holocausto no que faleceron uns 11 millóns de persoas e os bombardeos estratéxicos de centros industriais e de poboación nos que faleceron ó redor dun millón de persoas, incluíndo os bombardeos de Hiroshima e Nagasaki, tivo como resultado final un total de entre 50 e 58 millóns de mortes. Isto fixo da segunda guerra mundial o conflito militar con maior número de mortos na historia da humanidade.
En 1937 o Imperio do Xapón pretendía dominar Asia e o Pacífico e xa estaba en guerra coa República da China, mais a data de inicio da guerra mundial dátase xeralmente no 1 de setembro de 1939 coa invasión de Polonia por parte de Alemaña e as subsecuentes declaracións de guerra de Alemaña a Francia e o Reino Unido. Dende finais de 1939 ata comezos de 1941, mediante unha serie de campañas militares e tratados, Alemaña conquistou ou pasou a controlar gran parte da Europa continental, e formou a alianza do Eixe xunto con Italia e o Xapón. Por medio do Pacto Molotov-Ribbentrop de agosto de 1939, Alemaña e a Unión Soviética dividiron e anexionaron territorios dos seus veciños europeos, incluíndo PoloniaFinlandiaRomanía e os países bálticos. A guerra continuou entre as principais potencias europeas do Eixe e a coalición do Reino Unido e a Commonwealth, con varias campañas no norte e leste de África, a batalla aérea de Inglaterra, a campaña de bombardeo do Blitz, a campaña dos Balcáns e a continuada batalla do Atlántico. En xuño de 1941 as potencias europeas do Eixe comezaron unha invasión da Unión Soviética, abrindo o maior teatro de guerra terrestre da historia, o que bloqueou a gran parte das súas forzas nunha guerra de desgaste. En decembro de 1941 o Xapón atacou ós Estados Unidos e invadiu territorios europeos no océano Pacífico, conquistando con rapidez gran parte do Pacífico occidental.
O avance do Eixe detívose en 1942 cando o Xapón perdeu a batalla de Midway preto de Hawai, e cando Alemaña sufriu sendas derrotas no norte de África e Stalingrado. En 1943, tras unha serie de derrotas alemás na Fronte Oriental, a invasión Aliada de Sicilia e Italia deron como resultado a rendición de Italia. Xunto coas vitorias Aliadas no Pacífico, o Eixe perdeu a iniciativa da guerra e levou a cabo unha retirada estratéxica en tódalas frontes. En 1944 os Aliados Occidentais invadiron a Francia ocupada por Alemaña, mentres que a Unión Soviética recuperou o territorio perdido e comezou unha invasión de Alemaña e os seus aliados. Durante os anos 1944 e 1945 os xaponeses sufriron varios reveses no continente asiático, no sur e centro da China e en Birmania, mentres que os Aliados conseguiron debilitar á Armada Xaponesa e capturaron varias illas chave do Pacífico Occidental.
A guerra en Europa concluíu coa invasión de Alemaña por parte dos Aliados Occidentais e da Unión Soviética, culminando na captura de Berlín e a subsecuente rendición incondicional de Alemaña o 8 de maio de 1945. Trala Declaración de Potsdam dos Aliados o 26 de xullo de 1945 e o rexeitamento do Xapón da rendición baixo os seus termos, os Estados Unidos lanzaron bombas atómicas nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto respectivamente. Cunha inminente invasión do arquipélago xaponés, a posibilidade de novos bombardeos atómicos e a declaración de guerra da Unión Soviética e a invasión de Manchuria, o Xapón rendeuse o 15 de agosto de 1945.
A segunda guerra mundial alterou os aliñamentos políticos e a estrutura social do mundo. Estableceuse a Organización das Nacións Unidas co obxectivo de fomentar a cooperación internacional e previr conflitos futuros semellantes, e as grandes potencias mundiais vitoriosas —os Estados Unidos, a Unión Soviética, a China, o Reino Unido e Francia— convertéronse en membros permanentes do seu Consello de Seguridade. A Unión Soviética e os Estados Unidos xurdiron como superpotencias mundiais, preparando o escenario da guerra fría que duraría 46 anos. Ó mesmo tempo a influencia mundial das potencias europeas diminuíu considerablemente, dando lugar a descolonización de Asia e África. A maioría de países que viron a súa industria danada pola guerra comezaron diversos esforzos para unha recuperación económica, e a integración política, especialmente en Europa, xurdiu como un esforzo para atallar conflitos evitando posibles guerras e co obxectivo de crear unha identidade común europea.